jueves, 11 de marzo de 2010

A PROPÓSITO DE PEDRO ARIAS

Describe cun notable acerto no CORREO GALEGO do mércores 21 de xaneiro do 2009 Carlos Luís Rodríguez como o Partido (como se coñecía ao PCE entón) que abanderou a loita antifranquista dende os estertores da guerra civil até a transición pódeselle considerar unha sorte de Brasil político que exportou dirixentes a outros lindes como o país suramericano exporta dianteiros ou centrocampistas ás ligas europeas.

Non está exento de lucidez este símil, sobre todo si atémonos ao feito de que antigos dirixentes comunistas poblan os cargos socialistas ou, de maneira pouco usual pero real, algúns escanos do Partido Popular como o caso do economista e deputado autonómico Pedro Arias.

Arias pertence á sorte de antigos economistas do PCG que poboaron a facultade de económicas de Santiago, esa mesma que pola súa influencia ten unha surrealista homenaxe escultórica a Dores Ibárruri na súa entrada. Corbacho, Arias e o propio Touriño eran os oráculos económicos aos que Santiago Álvarez primeiro e Geluco despois acudían para confeccionar o seu programa económico ou para posicións partidarias nos duros tempos da transición. Era unha época onde todos os Partidos Comunistas fachendábanse de ter os seus grandes lobbies corporativos: o grupo de historiadores do PC de Italia ou Gran Bretaña, o grupo de sociológos do PCF de Marchais, etc...

O debate para os que os reclamamos aínda destas siglas, que seguimos pensando que o actual modelo de desenvolvemento económico (hoxe en cernes até para os seus defensores) é insustentable, non é a casuística que levou a estes militantes abandonar o Partido; senón, o contrario, que lles levou a militar nel naqueles anos. Dende logo todos e cada un deles xustifican a súa militancia por que o PCG encarnaba os valores do antifranquismo, da loita democrática, que era o máis organizado que existía nas facultades, etc... Non o discuto, nin creo que calquera historiador teña os bemoles de negar isto.

Agora ben, a realidade do desenvolvemento posterior de Piqués, Arias e demais lévanos a analizar ese espazo temporal da historia política do noso país coñecido como eurocomunismo (para nós Carrillismo puro xa que eurocomunismo elaborado como teoría política fué o PCI da man de Berlinguer o que se achegou a formulalo). Baixo a batuta de Carrillo fóronse desarbolando premeditadamente a forma de organización comunista que de maneira máis eficaz funcionara contra e o franquismo e polos dereitos colectivos dos traballadores nos centros de traballo: a célula.

Analogamente Carrillo formulou a teoría de que o PCE era unha simbiose entre as forzas do traballo e a cultura, entendendo que unha e outra se retroalimentaban e formaban os alicerces mestres do Partido. A realidade é que aos poucos as Pilar Bravo, os Tamames, os Arias, os Touriño, converteron esa simbiose en parasitismo. Os cadros obreiros, os militantes da dura clandestinidade eran desprazados dos centros neurálxicos do Partido por cadros de formación universitaria, máis acordes coa política carrillista de facer do PCE non un instrumento da clase obreira sinó de maneira máis xeneralista un gran partido da democracia española.

A universidade era o centro da política do PCE, a fábrica e o campo eran marcos máis propios para o sindicato irmán (que non correa de trasmisión dicían), CCOO. Centos de departamentos, entre eles unha gran parte dos das facultades de Economía, eran tutelados por cadros do Partido e, para seguir neles ou iniciar un traballo investigador ou docente, carrillista tíñase que ser. Diso aprendeu pronto un Pique que tentaba medrar nunha universidade catalá satelizada ao completo polo histórico PSUC.

Pero nese duro xogo de hexemonías chegou 1982 e apareceu un PSOE que parecía fagocitar todo, as “forzas da cultura” non tardaron en darse conta que para sobrevivir na universidade, e máis tarde na política, tiñan que desatarse do mastro da nave que os levaba a Ítaca e deixarse embaucar polos cantos de serea que x se escoitaban por todas as partes. Nese duro traballo, e no de vindicar o nudismo como suxeito político revolucionario para a clase obreira e os seus contornos, embarcouse o camarada Pedro Arias.

Que a mesma motivación que levou a Julián Grimau a morrer asasinado os tribunais franquistas, que a mesma motivación que levou aos líderes guerrilleiros Gayoso ou Seoane ao seu calvario e morte; a Marcelino Camacho a sufrir o duro proceso 1001, a Santiago Álvarez, a Mercedes Núñez ao calvario de Ravensbruck, a miles de exiliados e asasinados a militar no Partido Comunista de España parecésese por asomo á que levou ao señor Arias a pedir un carné paréceme non só deplorable sinó, verbo os seus últimos anos, insultante.

Arrimar a sardiña ao ascua que máis quenta non se chama, que eu saiba, militancia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario