miércoles, 3 de marzo de 2010

O DOURADO CUBANO

Un turista en Cuba establece unha conversación cun cidadán cubano na Habana. En certo momento, alentado xa o autóctono pola rápida confianza que se toman os orixinais do Caribe, interrompe ao turista e, sacando do peto un recorte do xornal, dille:

-Oe irmán, quería ensinarche isto que levo desde fai tempo reflexionando

O turista observa o anaco de papel e interpreta que se trata dunha páxina de breves dun xornal de tirada nacional español. O cubano sinálalle especialmente un anuncio do mesmo que pon "muller executiva española paga por sexo" acompañado dun teléfono.

-¡Isto é o paraíso!,- di o cubano emocionado- levo tempo querendo ir a España e chamar a esta señora.

O turista ao principio cala. Prefire non desilusionar ao cubano, porque este, sen darse conta, está recibindo a súa primeira dose de realidade. Desa realidade que mostra que o capitalismo, como os anuncios de contactos na prensa, MENTEN. Logo reflexiona que o seu silencio pode provocar unha fuxida despavorida ao dourado do sexo pagado por ricas executivas que é España e explícalle que é un fraude, que o teléfono é un teléfono de tarificación especial e que a executiva será un administrativo ou teleoperador dunha compañía con sede nun baixo comercial calquera.

O cubano indígnase:

- ¡Pero isto non pode ser! Como van aparecer fraudes deste tipo nun DIARIO OFICIAL?, non irmán, ti non queres que vaia ao teu país porque sabes da fogosidade dos cubanos.!

O turista vese incapaz de explicarlle que en España os diarios non son oficiais como o Granma, senón expresión de oligopolios económicos con múltiples intereses prioritarios antes que verificar a veracidade dos anuncios de contactos ou a moralidade da súa inserción. E non quere moito menos explicarlle quen é Dinio e a súa homérica vida.

Esta historia real cóntama onte un compañeiro como anécdota simpática tomando un viño. Todos podémonos rir da inxenuidade coa que unha persoa dun país como Cuba ten ante os cantos de serea que aquí recibimos todos os días.

Esencialmente isto é o que preocupa do que pasa en Cuba. Á illa, como botellas arrastradas pola marea, chegan miles de cantos de serea, en forma de automóbiles caros no canto de antiguallas dos 50, de teléfonos móbiles, de roupa cara, de restaurantes de luxo, de mulleres caucásicas ofrecendo sexo por diñeiro. De vida de luxo sen traballo, sen esforzo. De festas infinitas nese dourado cubano que tamén é Miami.

Que máis dá ter a taxa de analfabetismo máis baixa do continente, o coeficiente de médicos máis alto por habitante, a mortalidade infantil por baixo das grandes potencias mundiais, o equilibrio ambiental máis estable segundo a ONU, o alimento e a vivenda asegurada nun continente onde iso é un luxo e polo tanto un privilexio de poucos. Todo iso no prato da balanza non pesa o que no outro prato deixa un bo "polvo" pagado por unha branca executiva.

Confío que este cubano algún día comprenda que ese dourado anhelado, cabe, como dixo o seu compatriota José Martí sobre as verdades elementais, na á dun colibrí.

Tan só niso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario