jueves, 1 de junio de 2017

miércoles, 19 de abril de 2017

VENCER AS RESISTENCIAS Á ÁREA METROPOLITANA DE VIGO


Rubén Pérez Correa
Voceiro do grupo Municipal da Marea de Vigo 

30 millóns de europeos e europeas viven en áreas metropolitanas consolidadas, entidades que actúan diariamente na vida das persoas con leis propias e normativas adaptadas, mesmo con órganos xestores mancomunados como consorcios, empresas públicas, etc… Non existe nin tara, nin incapacidade cultural secular, que poida explicar porque os habitantes da Área Metropolitana de Vigo non poidamos estar neste status administrativo que organiza as grandes capitais europeas e os seus distritos e concellos circundantes. Si existen en cambio dous factores políticos e económicos que bloquean o nacemento deste novo ente:

Un factor político: o “cortoprazismo” político de ligar actuación política a período electoral e a incapacidade da clase política que nestes anos ten empregado a gobernanza de concellos, deputación e administración central como tapón para evitar perder competencias (e por tanto recursos económicos) fronte a unha nova entidade administrativa con gran potencial para xestionar servizos e mesmo levar adiante novos procesos de renovación do xeito de gobernar.

O debate da anulación do proceso de constitución é político, quen queira naturalizalo como xudicial engánase. Claro que existen inconsistencias tanto na propia lei, innecesaria por outra banda se o único que querían os concellos membros e a Xunta era artellar un transporte metropolitano (aforraríamos meses de debate estéril), na interpretación do convenio da entrada do transporte urbano de Vigo, e mesmo na sesión de investidura; pero a vontade política de construír o espazo acabaría solucionando o problema de xeito efectivo. Sen o debate franco sobre que está disposto cada administración a aportar (competencias, dotación económica, cesión de persoal, etc…) sen resolver dentro do propio órgano metropolitano as cuestións formais, sen compromiso serio de construír área, non hai área.


E por suposto un motivo económico que basicamente deriva de dous factores: un, da existencia de decenas de servizos públicos concesionados por empresas privadas, transporte, residuos, servizos sociais, etc… que, especialmente dende os anos 90, substitúen á administración pública e temen o retorno público a través da área. E o outro, o posible melón aberto de “metropolitanizar” a planificación urbanística, que evite o urbanismo expansivo que supón que os concellos da área non coordinen os seus planeamentos urbanísticos en canto a previsións de crecemento urbano, dotacións, infraestruturas, etc… pero que contaría co pánico de moitos sectores especulativos relacionados coa construción que levan facendo do urbanismo unha galiña dos ovos de ouro en base de ir saltando de concello a concello dependendo do seu PXOM.

lunes, 5 de diciembre de 2016

MAREA DE VIGO E OS SEUS CARGOS INSTITUCIONAIS NON ASISTEN ESTE ANO AOS ACTOS DE CELEBRACIÓN DO ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA DE 1978

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, de acordo co seu código ético, principios, e coherencia ideolóxica, non participa do que considera unha “farsa”, por celebrar unha Constitución que non se cumpre en todos aqueles dereitos que aos poderes fácticos non lles interesa garantir. 


Unha Constitución que especifica que “todo o pobo ten dereito a unha vivenda digna e adecuada” no seu artigo 34, que declara no seu artigo 24 que “todas as persoas teñen dereito a obter a tutela efectiva de xuíces e tribunais”; que especifica no seu artigo 14 “que todos os cidadáns somos iguais ante a lei” e ao mesmo tempo se indulta a corruptos; que no seu artigo 3 garante o uso e o ensino das diferentes linguas do estado mentres o goberno central, decreto a decreto, degrádaas cada vez máis e dálles status de dialecto rexional. E, que afirma no seu artigo 128 que “toda a riqueza do país está subordinada ao interese xeral” mentres aumentan os beneficios das grandes empresas e recortan en dereitos básicos, como educación ou sanidade, á maioría social.

A Marea de Vigo, dentro da súa pluralidade ideolóxica dentro da esquerda, posúe unha noción da Democracia non só como concepto senón como práctica á hora de que a cidadanía poida escoller, non só nun proceso electoral os seus representantes cada catro anos, senón, por exemplo, o modo no que se gastan os seus cartos, ou as prioridades á hora de levar a cabo as leis que van rexer as súas vidas. Ou mesmo o simple feito de levalas a cabo ou non.

Por tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo, non asistiu hoxe aos actos conmemorativos polo día da Constitución, tal e como llo expresou aos entes que os convocaron, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra e o propio Concello de Vigo.

RUBÉN PÉREZ NO DEBATE DE VOCEIROS DO PLENO DE LOCALIA VIGO




MAREA DE VIGO LEMBRA O PROGRAMA DE SEREOS CO GALLO DO DÍA MUNDIAL DA LOITA CONTRA A SIDA MAÑÁ 1 DE DECEMBRO.

Marga L. Barreiro, concelleira do GM da Marea de Vigo, afirma que “esperamos que ao abeiro da adhesión da Declaración de París no pasado Pleno, neste Concello se retome o que xa tivemos , no que un día fomos pioneiros/as e o que o Grupo de Goberno da Cidade se permitiu pechar.”
No pasado pleno do día 28, a corporación municipal, a raíz dunha moción do PsdG-PSOE, fixo unha Declaración Institucional na que Vigo se adhería á “Declaración de París por unha acción acelerada nas cidades e poñer fin así a epidemia da SIDA para o 2030”, Declaración coa que, evidentemente, a Marea de Vigo está totalmente de acordo.
Mais a Marea de Vigo considera que estas declaracións de intencións non son suficientes se todo queda no papel e a vontade de facelas reais non se leva á práctica, xa que, precisamente o compromiso que se inclúe na Declaración de París, xa se viña facendo neste Concello a través do programa “Sereos do Casco Vello”, pioneiro no seu día neste tipo de programas, e finalmente pechado polo Goberno do PsdG-PSOE.
Marga L. Barreiro, Concelleira da Marea de Vigo, lembra que “o programa de Sereos contaba con profesionais e voluntarias/os, centradas e centrados nas persoas que padecían patoloxías adictivas, SIDA, enfermidades mentais…circunstancias que as convertían en vítimas do rexeitamento social, estigmatización e aprofobia. E todas elas nun encontro de pobreza crónica ou sobrevida onde non podían cubrir as necesidades básicas. Contaba con 633 usuarios e daba almorzo e merenda diariamente a 445 persoas, ademais das intervencións grupais, que viñan sendo unhas 280. No que se recolleron e se entregaron ao redor de 21.000 xiringas (14.000 percibidas e 17.000 entregadas), e se repartiron de maneira informada o redor de 22.000 preservativos.”
Segundo relata a memoria do Programa, “estas accións atrasaron o proceso prematuro cara á morte, salvaron vidas, reduciron conflitos e tensións, melloraron a calidade de vida da poboación diana, aumentou a adherencia aos distintos tratamentos, as importantes derivacións ás redes sociais de asistencia públicas, e chegamos a sentirnos importantes e mesmo orgullosos/as de pertencer a esa poboación oculta e ocultada, compartindo ese espazo de encontro entre profesionais, usuarios/as, familiares e voluntarios/as”.
Isto foron 16 anos de axuda real e efectiva, e, sendo certo que a situación da rúa non é idéntica a da aquela altura, as dificultades da xente marxinada e excluída nesta cidade segue a ser moi dura e as administracións deben facerse cargo de resolver estas desigualdades e deben escoitar as voces que tantas veces se elevan pedindo unha solución. Vemos case a diario concentracións, manifestacións, e incluso acampadas como a que mesmo se fixo na “Farola de Urzaiz” no Dia Internacional das persoas sen teito por parte de Colectivos Sociais (RSP e Os Ninguéns), curiosamente coincidindo coa adhesión deste Concello a devandita Declaración de París.

VALORACION PLENO DO 28 DE NOVEMBRO DE 2016

jueves, 29 de octubre de 2015

MAREA DE VIGO PIDE DIÁLOGO ENTRE OS ALCALDES DE A CORUÑA, SANTIAGO DE COMPOSTELA E VIGO, QUE HOXE REÚNENSE EN MADRID COA MINISTRA DE FOMENTO, CARA A ÓPTIMA E LÓXICA ORGANIZACIÓN DOS TRES AEROPORTOS DE GALICIA.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, despois de ter falado cos representantes do concello de A Coruña e Santiago de Compostela, considera que, o alcalde de Vigo, Abel Caballero debe manter un diálogo cos mesmos, aproveitando a xuntanza de rutas que se celebrará hoxe en Madrid, cara a unha correcta organización dos aeroportos galegos, máis aló de localismos e argumentacións electoralistas.

Marea de Vigo mantén unha postura crítica coa política de subvencións á aerolíñas sen garantías de retorno para o turismo e a cidadanía, e sobre todo sen unha organización “a tres” para garantir a optimización do uso aeroportuario de Galicia. 

En todo caso a Marea de Vigo defende que ningún concello subvencione a compañías aéreas, xa que é un gasto impropio da administración local e non acaba consolidando voos nos aeroportos galegos.

Marea de Vigo considera que o alcalde de Vigo debe deixar de utilizar argumentos localistas que carecen de criterios políticos e económicos coma se estivera nun constante mitin electoral para baixarse a realidade e interlocucionar cos outros alcaldes das cidades galegas que dispoñen de aeroporto, como outro modo de defender os intereses das viguesas e vigueses, non facendo que se teña que gastar máis de un millón de euros de cartos públicos en subvencións a fondo perdido a empresas como Ryanair.