miércoles, 19 de abril de 2017

VENCER AS RESISTENCIAS Á ÁREA METROPOLITANA DE VIGO


Rubén Pérez Correa
Voceiro do grupo Municipal da Marea de Vigo 

30 millóns de europeos e europeas viven en áreas metropolitanas consolidadas, entidades que actúan diariamente na vida das persoas con leis propias e normativas adaptadas, mesmo con órganos xestores mancomunados como consorcios, empresas públicas, etc… Non existe nin tara, nin incapacidade cultural secular, que poida explicar porque os habitantes da Área Metropolitana de Vigo non poidamos estar neste status administrativo que organiza as grandes capitais europeas e os seus distritos e concellos circundantes. Si existen en cambio dous factores políticos e económicos que bloquean o nacemento deste novo ente:

Un factor político: o “cortoprazismo” político de ligar actuación política a período electoral e a incapacidade da clase política que nestes anos ten empregado a gobernanza de concellos, deputación e administración central como tapón para evitar perder competencias (e por tanto recursos económicos) fronte a unha nova entidade administrativa con gran potencial para xestionar servizos e mesmo levar adiante novos procesos de renovación do xeito de gobernar.

O debate da anulación do proceso de constitución é político, quen queira naturalizalo como xudicial engánase. Claro que existen inconsistencias tanto na propia lei, innecesaria por outra banda se o único que querían os concellos membros e a Xunta era artellar un transporte metropolitano (aforraríamos meses de debate estéril), na interpretación do convenio da entrada do transporte urbano de Vigo, e mesmo na sesión de investidura; pero a vontade política de construír o espazo acabaría solucionando o problema de xeito efectivo. Sen o debate franco sobre que está disposto cada administración a aportar (competencias, dotación económica, cesión de persoal, etc…) sen resolver dentro do propio órgano metropolitano as cuestións formais, sen compromiso serio de construír área, non hai área.


E por suposto un motivo económico que basicamente deriva de dous factores: un, da existencia de decenas de servizos públicos concesionados por empresas privadas, transporte, residuos, servizos sociais, etc… que, especialmente dende os anos 90, substitúen á administración pública e temen o retorno público a través da área. E o outro, o posible melón aberto de “metropolitanizar” a planificación urbanística, que evite o urbanismo expansivo que supón que os concellos da área non coordinen os seus planeamentos urbanísticos en canto a previsións de crecemento urbano, dotacións, infraestruturas, etc… pero que contaría co pánico de moitos sectores especulativos relacionados coa construción que levan facendo do urbanismo unha galiña dos ovos de ouro en base de ir saltando de concello a concello dependendo do seu PXOM.