miércoles, 26 de mayo de 2010

ESQUERDA UNIDA PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN AO PLENO DO CONCELLO DE VIGO CONTRA O AXUSTE DO GOBERNO


Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE VIGO


Rubén Pérez Correa, coordenador local de Esquerda Unida en Vigo, de conformidade co disposto no Regulamento Orgánico do Concello de Vigo, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,



Exposición de motivos:



O Goberno Central vén de presentar o máis duro axuste económico formulado contra as clases traballadoras dende o final do franquismo, axuste que foi refrendado no Consello de Ministros do 20 de maio. Desmentindo as diversas e contraditorias declaracións ministeriais, o Goberno racha con calquera vacilación e somete a súa política ás esixencias do capitalismo financeiro internacional, que ten representantes obsecuentes na dirección da Comisión Europea, que teima en continuar a conducir a construción europea o abismo cun modelo social neoliberal.

A redución dun 5% dos salarios dos traballadores e traballadoras públicas, a conxelación das pensións agás as non contributivas e mínimas, a eliminación do réxime transitorio para a xubilación parcial, a cancelación do cheque – bebé, a eliminación da retroactividade no cobro das prestacións da Lei da Dependencia, o recorte na axuda ao desenvolvemento por importe de 600 millóns de euros e a redución en 6.000 millóns nos investimentos públicos en infraestruturas, asemade dun recorte adicional en 1.500 millóns a asumir polas administracións autonómicas e municipais supoñen un ataque inxusto e ademáis ineficaz para atallar a crise. Hai que engadir as nubes negras que con esa mesma orientación rondan a anunciada reforma laboral e sobre as pensións.

Son medidas que rompen os Acordos da Función Pública cos sindicatos, que se acadaron en data tan cercana como setembro de 2009. Así como a Lei 33/85 sobre o mantemento da capacidade adquisitiva das pensións e maila Lei 40/07 sobre o réxime de xubilacións. Son medidas que vulneran os acordos parlamentarios sobre a Lei da Dependencia, que sofre un atraso crónico na súa aplicación e un evidente subfinanciamento.

Medidas que semellan unha atolondrada, mais interesada, carreira en pos dunha deflación competitiva, que deixe os causantes da crise sen custo algunho. A estes efectos acordánse medidas inxustas e que van dificultar e profundizar a crise, ao ferir a unha feble demanda agregada, ferindo aos únicos que están a pagar a crise as mulleres e homes das clases traballadoras.

O déficit público explícase – nunha lectura de esquerdas, atenta ao interese xeral das clases traballadoras – polo lado dos reducidos ingresos e non polo do cativo gasto público, que segue a atoparse a anos de distancia e a 7 puntos do PIB en gasto social en relación coa media da UE. A progresiva voadura da fiscalidade das rendas do capital e a redución e perda de progresividade dos tipos impositivos do IRPF, xunto coa supresión do imposto de patrimonio e a mingua do de sucesións supoñen a clave da febleza dos ingresos estatais e, xa que logo, a incapacidade para afrontar o gasto social e produtivo coa intensidade que require o actual intre.

Para Esquerda Unida as actuacións do Goberno Central teñen que reorientarse por completo, xirar 180 graos, para incrementar os ingresos a partires dunha reforma fiscal que equilibre o custo da crise que até o de agora está a ferir a millóns de traballadores e traballadoras, autónomos e pequenos empresarios, cuxa realidade obxectiva os sitúa no campo dos intereses da maioría social traballadora.

Xa que logo, EU presenta, para a súa toma en consideración polo Pleno do concello de Vigo, a seguinte proposta de ACORDOS:

1.- O Pleno do concello insta ao Goberno Central a retirar o Plan de Axuste presentado o día 12 de maio e aprobado no Consello de Ministros do día 20 do corrente.


2.- A Corporación local manifesta a súa oposición a calquera medida de conxelación das pensións do sistema público e insta ao Goberno Central a retirar das medidas de axuste as que conxelan as pensións durante 2011 e modifican as condicións para a xubilación parcial.


3.- O Concello de Vigo insta ao Goberno do Estado a que de maneira inmediata recupere o Imposto de Patrimonio, o que vai permitir un aumento da recadación fiscal duns 2.200 millóns de euros, segundo a recadación prevista no último exercicio no que estivo en vigor ( 2007 ), e que fai innecesario calquera recorte de pensións ou o endurecemento das condicións para o disfrute das mesmas.


4.- A Corporación local se opón a calquera medida que supoña a redución do salario dos empregados e empregadas públicas e/ou a conxelación das súas retribucións e insta de xeito especial ao Goberno a que retire das medidas de axuste ás que poidan afectar a este concepto.

5.- A Corporación local insta ao Goberno a que de forma urxente convoque aos representantes das forzas políticas para acordar un paquete de medidas de reforma fiscal progresiva, na que paguen máis os que máis teñen ou gañen e se incorporen medidas para incrementar a recadación fiscal procedente das institucións financeiras e das operacións especulativas, de maneira que sexa innecesaria calquera medida de recorte salarial ou de axuste de emprego das e dos empregados públicos. Estas medidas deben incorporar un plan rigoroso de loita contra a economía mergullada e o fraude fiscal. Asemade, as Administracións públicas adoptarán medidas eficaces para a racionalización do gasto, na procura da meirande calidade e eficiencia.


6.- O Concello de Vigo tomará cantas medidas sexan precisas para evitar a aplicación aos empregados e empregadas públicas deste concello das medidas de recorte e axuste anunciadas polo Goberno Central.


Vigo, 25 de maio de 2010.



Asdo. Rubén Pérez
Coordenador Local de ESQUERDA UNIDA en Vigo

No hay comentarios:

Publicar un comentario