miércoles, 10 de abril de 2013

PALABRAS PARA A PRESENTACIÓN DA XI ASEMBLEA DE EU AO MUNDO SINDICAL

Foi nas famosas charlas da prisión onde Marcelino Camacho, nos estertores da ditadura franquista, afirmou que a situación socio-política, xunto co desenvolvemento do capitalismo español dese momento, obrigaban ao movemento sindical a establecer novas pautas de actuación para unha realidade concreta. Dicía entón Marcelino que cumpría transformar a forza teórica en forza operativa, en forza práctica,... conscientes de que facía falla que a clase obreira tivera consciencia da súa misión histórica, que tivera consciencia de clase.

A transformación do sindicalismo de clase en instrumento socio-político da clase obreira para a transformación da sociedade foi o gran acerto de homes e mulleres que, como Marcelino, foron quen de artellar unha resposta dende os centros de traballo para o debilitamento do franquismo e para fraguar un instrumento esencial para a consolidación de dereitos como pobo como o foron a mobilización continuada e a negociación colectiva.

Estes máis de 30 anos de mal chamado “período democrático” amosaron o acerto da aposta sindical nesa altura, puxeron ao movemento sindical nun papel social esencial e nunha responsabilidade histórica na construción dun modelo de desenvolvemento social igualitario .

Pero analogamente, no sindicalismo maioritario foi xermolando a idea de que a acertada aposta da transición por un “sindicato socio-politico” con perfil ideolóxico xa non era necesario. Que o sindicato podía transitar sen problemas no capitalismo realmete existente coa soa forza dunha vela chamada concertación. Froito desta idea sublimábase o concepto de “independencia sindical” coa idea de “apoliticismo ideolóxico”. Confundíase interesadamente non ter partido de referencia coa “indiferenza ideolóxica”.

Este modelo serviu para unha singradura concreta, para o proceso de acumulación capitalista español de principios dos 90 e da década pasada, onde baixo a expansión do sector servizos e da construción (con emprego precario e desregulado) e a destrución orquestrada da industria, con grandes plantillas (e polo tanto seccións sindicais fortes) e emprego con máis dereitos.

Mesmo facíase forte a idea de que o esforzo na formación, por si soa, era un instrumento de futuro para a clase obreira e o seu progreso.

Pero caeu a torre de marfil, as graves contradicións do modelo económico do capitalismo español, foron espidas ante a poboación polas turbulencias do capitalismo financeiro internacional. Desapareceron miles de centros de traballo...... e con eles as seccións sindicais, os delegados, os créditos de formación. Tiñamos uns grandes instrumentistas chamados centrais sindicais pero, como a orquestra do Titanic, tocando nun barco que se afogaba.

Nesta tesitura os homes e mulleres de EU afrontamos esta XI Asemblea Nacional non como meros espectadores da realidade socio-política e sindical que estamos a vivir. Somos parte da clase obreira, somos fillos e fillas dun modelo de entender o mundo que nos rodea que naceu fai máis de 200 anos cando os obreiros e obreiras da nacente sociedade industrial decidiron afrontar xuntos, en pequenas mutuas, o contrato de miseria que ofrecía o capital.

Sabemos que non vai existir un partido, un solo modelo organizativo, ou mesmo proxecto de transformación social, que mude o mundo sen contar cun instrumento autónomo e plural como o sindicato.

E non vai existir un sindicato que mude o mundo sen ese proxecto. Da nosa historia aprendemos que efectivamente non hai correas de transmisión, pero da nosa historia recente tamén aprendemos que o motor sindical non vai funcionar sen un pequeno pistón, dos moitos pistóns necesarios, que se chame esquerda, que se chame construcción do socialismo. Porque hai que recuperar loitas máis ambiciosas máis aló dunha estrangulada negociación colectiva ou do marco cada vez máis endeble dos convenios sectoriais.

Os homes e mulleres de EU defendemos tamén o que xa é un clamor en todas as grandes centrais sindicais, estatais ou non, a necesidade de construír un novo modelo sindical para o capitalismo realmente existente. Para nós, e sabemos que para vós tamén, o novo modelo de sindicalismo que necesitamos non é novo, e vello, ten tantos anos como anos ten o lema de “proletarios do mundo. Unídevos”.

Estivo presente en centos de conflitos laborais, dende os mártires de Chigago ate o campamento de Sintel na Castellana, dende as insalubres fábricas do Manchester industrial ate as gradas de Bazán e Vulcano no 72.

Chámase sindicalista, chámase cadro sindical, chámase asemblea, chámase sección sindical. Vive, ou mellor sobrevive, no centro de traballo. Quere construír unha alternativa as condicións materiais da clase obreira, consciente do drama que viven os seus compañeiros e compañeiras e o mundo que lle rodea.

Agora que empezamos, pola vía da necesidade máis que do convencemento real das direccións sindicais; a falar de “sindicato de proximidade” de implicar ao conxunto da militancia nas tarefas sindicais, non podemos asumir unha postura de “gauche divine” sen implicación sindical. Sen vangardismos, sen tutela, con compromiso de ser unha nova vela que leve o barco a bo porto.

Nós, hoxe, voltamos a escoitar ao noso Marcelino dicindo: “Nosotros utilizamos la lucha reivindicativa, la mejora salarial y las condiciones de vida de cada día y cada hora para tirando de toda la clase hacia delante y darle la consciencia en primer lugar de que hay que mejorar desde ya las condiciones de vida, sin esperar a que venga el socialismo. En segundo lugar, haciéndole que vea por su propia experiencia de que mientras no acabemos con la explotación del hombre por el hombre sus males no tienen remedio."















No hay comentarios:

Publicar un comentario