lunes, 12 de marzo de 2012

A UTILIDADE DUNHA FOLGA XERAL E A MEMORIA

ZP na manifestación central da FOLGA XERAL do 20J de 2002
Se temos algo de memoria, fagamos uso dela e lembremos que en 2002, fai exactamente 10 anos, o parlamento do estado español presentaba unha situación que, de non ser pola gravidade da crise capitalista actual, poderiamos sinalar como semellante.

Gobernaba o PP con maioría absoluta e con ela pretendían apertar o acelerador para impoñer un modelo social acorde co modelo económico dominante, un modelo de maiores cotas de competitividade e produtividade baseadas en baixos salarios, emprego precario e despedimento máis doado e barato.

Nesta liña o goberno presentaba nesa altura unha proposta de REFORMA LABORAL que na práctica supoñía:

  • Suprimia os salarios de tramitación dos traballadores que serían despedidos de xeito improcedente, supoñendo, ademais dunha importante transferencia de diñeiro de mans dos traballadores aos empresarios (que xa fora de 80.000 millóns no 2001), aparecendo a paulatina distorsión entre a barreira entre despedimento procedente e improcedente, achegándonos máis e máis ao despedimento libre e gratuíto
  •  
  • Formulaba o recorte das prestacións por desemprego para eliminar progresivamente o subsidio agrario para os traballadores eventuais do campo
  •  
  • Eliminaba a posibilidade de capitalizar as prestacións por desemprego;
  •  
  • Obrigaba a aceptar calquera traballo con independencia da cualificación, o salario ou a distancia;
  •  
  • Consideraba como renda a indemnización por despedimento;
  •  
  • Eliminaba a prestación nos contratos de inserción e aos traballadores fixos discontinuos
  •  
  • Empeoraba as modalidades de contratación e, coa lei de acompañamento dos presupostos do 2002, limitaba dereitos dos traballadores en relación coa incapacidade laboral.
  •  
  • Ameazaba abertamente con reformar unilateralmente a negociación colectiva restándolle peso os convenios e impoñer unha lei concursal que quitaría aos traballadores o seu dereito preferente no suposto do peche da empresa, perdéndose así boa parte dos dereitos hoxe recoñecidos.

Nese momento, aínda sendo un mercado de traballo coa maior taxa de paro, precariedade e sinestralidade laboral de toda a Comunidade Europea, o estado español tiña un 10-11% de desemprego.

O goberno, na súa carreira local cara ao déficit cero argumentaba a necesidade de establecer un serio recorte dos gastos sociais aínda cando o INEM tiña un superávit de 600.000 millóns e a S.S. de case un billón, recursos que o goberno estaba a utilizar para cadrar ese enfermizo déficit cero e facer unha reforma fiscal que favorecía aos máis ricos. Era entón, manifesta a vontade de desmantelar o estado social, deixando no seu lugar pequenas parcelas asistenciais.

O 20 de xuño CCOO e UGT convocaban Folga xeral á que posteriormente a súa uniron outras forzas sindicais.

A Folga aínda con toda a campaña mediática antisindical, conqueriu parar algúns dos puntos anteriores, especialmente os referidos á causalidade do despedimento, a mobilidade e a negociación colectiva.

Ninguén falaba entón de crise, pero o goberno do PP parecía antes da Folga predisposto a establecer unha serie de medidas de "economía de guerra" contra os traballadores e traballadoras.

10 anos despois co país sumido nunha crise estrutural demoledora as receitas volven ser as mesmas, receitas que valen para tempos de acumulación, como de retroceso, polo que se fai evidente o pálpito de que estas medidas non se formulan como solucións para saír da crise senón como meros comodíns. Comodíns que a dereita pon no taboeiro de xogo cando lle interesa, cando ten maiorías ou cando a crise e o desemprego lle serven como órdago na súa partida.

Hoxe, outra vez, a Folga Xeral serve para despexar a idea de que o sacrificio dos traballadores e traballadoras é consecuencia da crise e que, sen estas medidas que hoxe volta á escena: fin dos salarios de tramitación, demolición controlada da causalidade do despedimento, fin da negociación colectiva…. non sairemos dela.

Ou nos mentían no 2002 cando o país vivía a festa do “capitalismo popular” ou agora pensan que non temos memoria……

Despois do 29 de marzo veremos se teñen razón

No hay comentarios:

Publicar un comentario