miércoles, 12 de julio de 2017

PRECARIEDADE LABORAL EN MÉDICOS SIN FRONTERAS


Despois de varios anos como socio de Médicos Sin Fronteras, fai escasos meses vinme na obriga moral de deixar, con mágoa, a miña colaboración mensual con unha das ONGs que actúa en máis países.
A motivación fundamental para tomar esta decisión non foi o traballo humanitario de MSF se non a súa política para cos traballadores e traballadoras da captación de socios na rúa.
Os captadores e captadoras, en contra do que pensamos, non son voluntariado, son persoal asalariado, maioritariamente mozos e mozas que sofren unhas condicións laborais inxustas e impropias dunha ONG. Mocidade precaria que atopa na captación de socias unha saída momentanea ó desemprego e ó ostracismo ó que lles abocan as políticas do Partido Popular.
No caso de Médicos Sin Fronteiras, son ducias de mozos e mozas as que podemos atopar día a día na Rúa do Príncipe, na Praza América ou no Calvario … Facianas que vemos como van mudando practicamente cada semana xa que as políticas de MSF van encamiñadas a unha constante rotación que fai que no ano 2015 foran máis de 250 as persoas que pasaron por ese emprego en Galicia, sendo a plantilla de escasas 30 persoas.
Sofren cláusulas de obxectivos abusivos, que lles obrigan a facer un número determinado de socios e socias ó mes, número que máis do 80% do cadro de persoal non acada de maneira regular.Cláusula, no caso de MSF, denunciada e xudicializada á espera dunha sentencia firme do TSXG.
Ante estas condicións laborais que levan á precariedade e a miseria ó persoal de captación, os traballadores de Médicos Sin Fronteiras levan meses loitando por unhas condicións laborais xustas para o sector.
As consecuencias de defender ós seus postos de traballo son os despidos, a pasada semana Médicos Sin Fronteras pre avisou a un traballador de Comisións Obreiras que promoveu as Eleccións Sindicais e loita xunto ós seus compañeiros por unha mellora nas condicións laborais.
Cabe lembrar que tralo estoupido da crise en 2008, as axudas públicas para as ONGs sufriron unha grande baixadaen MSF, son preto de 70 millóns de euros os que recadan estes traballadores cada ano en toda España. É, polo tanto, un traballo fundamental para estas Organizacións que viven en grande medida do recadado a pé de rúa polos captadores e captadoras.
Na loita por unhas condicións digas, convocan este mércores día 12 unha concentración no Marco ás 20:00.
Rubén Pérez Correa
Concelleiro da Marea de Vigo

jueves, 1 de junio de 2017

miércoles, 19 de abril de 2017

VENCER AS RESISTENCIAS Á ÁREA METROPOLITANA DE VIGO


Rubén Pérez Correa
Voceiro do grupo Municipal da Marea de Vigo 

30 millóns de europeos e europeas viven en áreas metropolitanas consolidadas, entidades que actúan diariamente na vida das persoas con leis propias e normativas adaptadas, mesmo con órganos xestores mancomunados como consorcios, empresas públicas, etc… Non existe nin tara, nin incapacidade cultural secular, que poida explicar porque os habitantes da Área Metropolitana de Vigo non poidamos estar neste status administrativo que organiza as grandes capitais europeas e os seus distritos e concellos circundantes. Si existen en cambio dous factores políticos e económicos que bloquean o nacemento deste novo ente:

Un factor político: o “cortoprazismo” político de ligar actuación política a período electoral e a incapacidade da clase política que nestes anos ten empregado a gobernanza de concellos, deputación e administración central como tapón para evitar perder competencias (e por tanto recursos económicos) fronte a unha nova entidade administrativa con gran potencial para xestionar servizos e mesmo levar adiante novos procesos de renovación do xeito de gobernar.

O debate da anulación do proceso de constitución é político, quen queira naturalizalo como xudicial engánase. Claro que existen inconsistencias tanto na propia lei, innecesaria por outra banda se o único que querían os concellos membros e a Xunta era artellar un transporte metropolitano (aforraríamos meses de debate estéril), na interpretación do convenio da entrada do transporte urbano de Vigo, e mesmo na sesión de investidura; pero a vontade política de construír o espazo acabaría solucionando o problema de xeito efectivo. Sen o debate franco sobre que está disposto cada administración a aportar (competencias, dotación económica, cesión de persoal, etc…) sen resolver dentro do propio órgano metropolitano as cuestións formais, sen compromiso serio de construír área, non hai área.


E por suposto un motivo económico que basicamente deriva de dous factores: un, da existencia de decenas de servizos públicos concesionados por empresas privadas, transporte, residuos, servizos sociais, etc… que, especialmente dende os anos 90, substitúen á administración pública e temen o retorno público a través da área. E o outro, o posible melón aberto de “metropolitanizar” a planificación urbanística, que evite o urbanismo expansivo que supón que os concellos da área non coordinen os seus planeamentos urbanísticos en canto a previsións de crecemento urbano, dotacións, infraestruturas, etc… pero que contaría co pánico de moitos sectores especulativos relacionados coa construción que levan facendo do urbanismo unha galiña dos ovos de ouro en base de ir saltando de concello a concello dependendo do seu PXOM.