Rubén Pérez Correa
Voceiro do grupo Municipal da Marea de Vigo
30 millóns de europeos e europeas
viven en áreas metropolitanas consolidadas, entidades que actúan diariamente na
vida das persoas con leis propias e normativas adaptadas, mesmo con órganos
xestores mancomunados como consorcios, empresas públicas, etc… Non existe nin
tara, nin incapacidade cultural secular, que poida explicar porque os
habitantes da Área Metropolitana de Vigo non poidamos estar neste status
administrativo que organiza as grandes capitais europeas e os seus distritos e
concellos circundantes. Si existen en cambio dous factores políticos e
económicos que bloquean o nacemento deste novo ente:
Un factor político: o
“cortoprazismo” político de ligar actuación política a período electoral e a
incapacidade da clase política que nestes anos ten empregado a gobernanza de
concellos, deputación e administración central como tapón para evitar perder
competencias (e por tanto recursos económicos) fronte a unha nova entidade
administrativa con gran potencial para xestionar servizos e mesmo levar adiante
novos procesos de renovación do xeito de gobernar.
O debate da anulación do proceso
de constitución é político, quen queira naturalizalo como xudicial engánase.
Claro que existen inconsistencias tanto na propia lei, innecesaria por outra
banda se o único que querían os concellos membros e a Xunta era artellar un
transporte metropolitano (aforraríamos meses de debate estéril), na
interpretación do convenio da entrada do transporte urbano de Vigo, e mesmo na
sesión de investidura; pero a vontade política de construír o espazo acabaría
solucionando o problema de xeito efectivo. Sen o debate franco sobre que está
disposto cada administración a aportar (competencias, dotación económica,
cesión de persoal, etc…) sen resolver dentro do propio órgano metropolitano as
cuestións formais, sen compromiso serio de construír área, non hai área.
E por suposto un motivo económico
que basicamente deriva de dous factores: un, da existencia de decenas de
servizos públicos concesionados por empresas privadas, transporte, residuos,
servizos sociais, etc… que, especialmente dende os anos 90, substitúen á
administración pública e temen o retorno público a través da área. E o outro, o
posible melón aberto de “metropolitanizar” a planificación urbanística, que
evite o urbanismo expansivo que supón que os concellos da
área non coordinen os seus planeamentos urbanísticos en canto a previsións de
crecemento urbano, dotacións, infraestruturas, etc… pero que contaría co pánico
de moitos sectores especulativos relacionados coa construción que levan facendo
do urbanismo unha galiña dos ovos de ouro en base de ir saltando de concello a
concello dependendo do seu PXOM.
No hay comentarios:
Publicar un comentario