Despois de varios anos como socio de Médicos Sin Fronteras, fai escasos meses vinme na obriga moral de deixar, con mágoa, a miña colaboración mensual con unha das ONGs que actúa en máis países.
A motivación fundamental para tomar esta decisión non foi o traballo humanitario de MSF se non a súa política para cos traballadores e traballadoras da captación de socios na rúa.
Os captadores e captadoras, en contra do que pensamos, non son voluntariado, son persoal asalariado, maioritariamente mozos e mozas que sofren unhas condicións laborais inxustas e impropias dunha ONG. Mocidade precaria que atopa na captación de socias unha saída momentanea ó desemprego e ó ostracismo ó que lles abocan as políticas do Partido Popular.
No caso de Médicos Sin Fronteiras, son ducias de mozos e mozas as que podemos atopar día a día na Rúa do Príncipe, na Praza América ou no Calvario … Facianas que vemos como van mudando practicamente cada semana xa que as políticas de MSF van encamiñadas a unha constante rotación que fai que no ano 2015 foran máis de 250 as persoas que pasaron por ese emprego en Galicia, sendo a plantilla de escasas 30 persoas.
Sofren cláusulas de obxectivos abusivos, que lles obrigan a facer un número determinado de socios e socias ó mes, número que máis do 80% do cadro de persoal non acada de maneira regular.Cláusula, no caso de MSF, denunciada e xudicializada á espera dunha sentencia firme do TSXG.
Ante estas condicións laborais que levan á precariedade e a miseria ó persoal de captación, os traballadores de Médicos Sin Fronteiras levan meses loitando por unhas condicións laborais xustas para o sector.
As consecuencias de defender ós seus postos de traballo son os despidos, a pasada semana Médicos Sin Fronteras pre avisou a un traballador de Comisións Obreiras que promoveu as Eleccións Sindicais e loita xunto ós seus compañeiros por unha mellora nas condicións laborais.
Cabe lembrar que tralo estoupido da crise en 2008, as axudas públicas para as ONGs sufriron unha grande baixada, en MSF, son preto de 70 millóns de euros os que recadan estes traballadores cada ano en toda España. É, polo tanto, un traballo fundamental para estas Organizacións que viven en grande medida do recadado a pé de rúa polos captadores e captadoras.
Na loita por unhas condicións digas, convocan este mércores día 12 unha concentración no Marco ás 20:00.
Rubén Pérez Correa
Concelleiro da Marea de Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario