martes, 22 de enero de 2013


TEXTO PARA O ENCONTRO DE MOVEMENTOS SOCIAIS que promove Alternativa Galega de Esquerda o vindeiro sábado 26 en Vigo (17:00 horas no centro parroquial Cristo da Victoria en Coia)
 
 
Amigos e amigas:

Hai hoxe exactamente 5 anos, un anaco importante das organizacións e redes que na Galiza formaban –e aínda forman– os movementos de oposición ao capitalismo reuníamonos na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. Tratábase do primeiro gran encontro de movementos galegos en resposta a un chamamento do Consello Internacional do Foro Social Mundial.

Dese exitoso Día de Mobilización e Acción Global xurdiría, no decembro seguinte, o primeiro Foro Social Galego (FSGal), como unha das múltiples expresións dos procesos de confluencia, entendemento e construcióncolectiva que entre os movementos galegos foran imaxinando resistencias e alternativas para resposta á instauración dun mundo apodrecido e desigual, dunha inxustiza global que, con especial virulencia nos pobos do Sur, ameazaba con esnaquizar a vida xa non só da humanidade, senón tamén do planeta.

O dito andazo neoliberal, tendente a impoñer unha nova orde mundial con absoluta hexemonía dunha oligarquía planetaria dos menos e un escravismo social dos máis, seguiu, no entanto, a súa ofensiva total até contaxiar o Norte xeopolítico do orbe. Así chegamos á insustentábel situación que hogano atravesamos como maioría social agredida tamén nesta parte do planeta. Enfrontámonos a unha campaña ampla de conquista xa non só da capacidade de decisión dos Estados, que mudaron en inútiles aparellos administrativos e eficaces instrumentos represivos, senón do propio espírito da democracia, da dignidade das persoas e, ao cabo, de todo o que nos fai seres humanos e unha parte desta agonizante biosfera.

Os procesos de confluencia entre movementos, a organización de redes e a construción colectiva de alternativas mantivéronse antes e despois daquel 26 de xaneiro de 2008 e daquel FSGal. De feito proseguen en mil e un lugares, en mil e unha formas e en mil e unha dimensións dentro dos nosos tecidos sociais. Hai esperanza. Porén, parece evidente que non fomos nin somos quen de construír unha grande e necesaria alianza que, por unha banda axude a visibilizar eses milleiros de alternativas e as poña a disposición da maioría social e, pola outra se constitúa nunha verdadeira ameaza para a fronte dos poderosos, nun actor con potencial suficiente para disputar a súa destrutora hexemonía.
 
Dende a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en Vigo queremos axudar a emprendermos o vieiro necesario do encontro e do reencontro, á ineludíbel construción colectiva dunha grande alianza de movementos e organizacións sociais que sexa quen de impoñer, con todo dereito, a axenda da maioría social agredida.
 
A AGE constituíuse hai catro meses como unha alianza táctica dunhas poucas organizacións da esquerda para a acción política. Porén, a maioría dos seus membros proceden tamén da esquerda social e adquiriron o compromiso de utilizar a vía política institucional só como expresión da axenda da esquerda social. A primeira sen a segunda sería un exercicio estéril e, asemade, ilexítimo.
 
Non renunciamos a ningún espazo de loita, mais somos conscientes de que só unha gran fronte social pode xestionar con éxito o que cremos que é un duro período de transición cara un novo modelo de sociedade. En todas e todos nós está a responsabilidade de facermos que esa nova organización da sociedade resposte aos desexos dos menos ou aos anhelos e dereitos dos mais.
 
É por isto que, cun espírito de irmandade social e renunciando a toda intención partidaria mantemos o noso compromiso coa maioría social e convocámosvos a nos encontrar o vindeiro 26 de xaneiro de 2013, ás 17:00 horas, na parroquia do Cristo da Vitoria de Vigo, para entre todas e todos falarmos sobre necesidades e proxectos, sobre loitas imperiosas e alternativas comúns, sobre mandatos populares e espazos de autoorganización, sobre a axenda da xente e a axenda dos poderosos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario