O recente anuncio da
COMISIÓN EUROPEA de dar luz verde ao novo sistema de bonificación fiscal a
inversores na construción naval, coñecido como TAX LEASE, é so unha parte da
solución dun problema que ten significado nestes meses a práctica desaparición
do emprego na industrial naval do sur de Galicia, especialmente na comarca de
Vigo.
Dicimos que so é unha parte
porque a CE non soluciona nin se posiciona polo de agora en evitar que as
bonificacións fiscais obtidas polo “vello tax lease” que operou entre 2002 e
2010 na construción de 273 barcos (estipuladas entre 1700 e 2600 millóns de
euros) sexan devoltas por armadores e investidores feito que faría do novo tax
lease unha canle non garantista para os actores operativos neste sistema:
armadores, entidades financeiras e socios aportadores das Agrupacións de
Interés Económico (orixe dos recursos para someter a leasing amortizable á
contratación de buques. Esquerda Unida ten
manifestado en reiteradas ocasións que non nos gustaba o sistema do tax lease,
que viña a ser un parche ás axudas directas da SEPI ou o fondo de garantía
patrimonial de PYMAR, perseguidos dende vello pola comisión de competencia da
UE. Non nos gustaba en primeiro lugar porque era un sistema “embarullado” e que
dependía finalmente de investidores especulativos e de entidades bancarias e o
polo tanto nun momento de crise financeira poderían desaparecer deixando sen
ferramentas de competitividade comercial aos nosos estaleiros. Nós sempre
apostamos por desafiar abertamente á Comisión Europea como fixo Francia no 2006
e defender o lexítimo dereito a financiar públicamente a un sector estratéxico
para a nosa economía como o sector naval.
Diciamos que este sistema,
que empregan en modelos análogos os países que nos denunciaron como Holanda ou
Francia, no que un armador que quería construír un barco nun estaleiro pedía un
orzamento, o estaleiro poñíase en contacto cunha entidade financeira para
firmar un contrato de leasing e esta, a través dunha Agrupación de Interés
económico (entidade mercantil de varios investidores) vendía ese leasing de
amortización anticipada (que empeza xa durante o proceso de construción do
mesmo buque) e alugaba ao armador o barco con opción de adquisición final. O
final deste complexo proceso significaba que as empresas investidoras obtiñan
exencións fiscais polo investimento en produtos de leasing de rápida
amortización e o estaleiro podía ofertar o barco ao armador xa contando coa
rebaixa na oferta do montante que os inversionistas vanse aforrar ante o fisco.
Francia foi denunciada en
2006 por ter un sistema similar de financiación, a diferencia do goberno
español, o francés seguiu traballando con el e presiounou á UE para levantar o
veto ao seu tax lease cousa que conqueriu anos despois. Francia pesa o que pesa
na comisión europea fronte ao que pesa o goberno español.
Non so a UE consideraba (e
pensamos que sigue considerando) estas bonificacións fiscais como sospeitosas.
A propia Axencia Tributaria española non ten protestado nestes meses ao ver, de
xeito erróneo, que a paralización do tax lease significaba que ese 20 ou 30% de
bonificación de grandes empresas e investidores, acabaría nas súas arcas.
Para EU pensar que empresas
como Inditex que empregaban o tax-lease como fórmula de “pagar menos ao
fisco” ante a paralización do mesmo non
van a buscar outra fórmula ou produto financeiro para facelo é dunha candidez
absoluta. O tax lease é un produto financeiro ofertado por unha entidade bancaria
a un investidor, e na lóxica do sistema financeiro sempre hai alternativas (se
che parece pouco interese o prazo fixo aquí temos as preferentes; se dubidas do
tax lease aquí están as SICAV).
A reforma do IMPOSTO DE
SOCIEDADES que esixe a UE para validar o novo TAX LEASE ven por esa vía. ¿como
e cantos cartos se poderán bonificar dentro do imposto e actividade económica
mediante a inversión no TAX LEASE? Seguro que canto menos a nosa dirección
xeral de tributos máis feliz estará, porque pensa no ingreso directo non nos
miles de euros en forma de IRPFs que os traballadores e traballadoras a
recolocar nos baleiros estaleiros de hoxe xerarán de xeito indirecto ás arcas
da Axencia Tributaria.
Por iso non asegurar que as
bonificacións anteriores ao 2010 non se van a devolver ao fisco, xera nos
actores do novo tax lease dúbidas, que significativamente acaban sendo
esenciais para que os centos de buques que se constrúen en Europa (150
estaleiros o que supón o 15% da cuota mundial) non sexan en estaleiros do
estado español e especialmente na ría de Vigo.
O estado español comeza
agora a elaborar un decreto lei que significa modificar o Imposto de Sociedades
no capítulo de amortizacións anticipadas de bens adquiridos mediante
arrendamentos financeiros. Decreto lei que será de longa elaboración xa que o
tax lease coa nova fórmula ten que abrirse a outros sectores industriais, feito
do que recela a propia administración tributaria, que pensa que pode ser un
novo pozo de escape de moitos das obrigacións tributarias.
Entre toda esta lea, a
posibilidade de que máis de 15.000 traballadores saian das listas do desemprego
na comarca de Vigo parece importar ben pouco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario