viernes, 17 de febrero de 2012

ENTREVISTA EN PRAZAPUBLICA.COM

"Os traballadores temos que obrigar os sindicatos a que realicen unha convocatoria unitaria de folga"

Marcos Pérez Pena | @zerovacas

O traballo que Rubén Pérez vén desenvolvendo en Vigo á fronte de Esquerda Unida parece estar dando resultados: nas eleccións municipais de maio EU obtivo case sete mil votos (o 4,53%) e quedou a uns 600 de chegar ao 5% mínimo esixido pola lei para obter representación. Nas eleccións xerais chegou aos doce mil votos na cidade, un 7,2% do total, triplicando os seus resultados de 2008. A empresa na que traballa Rubén Pérez, coordinador local da coalición e candidato municipal, está nun Expediente de Regulación de Emprego, unha boa representación da situación da cidade, con taxas de desemprego crecentes e continuos conflitos laborais.


Vigo ten unha taxa de paro próxima ao 25% e un sector naval sumido nunha profunda crise. Como analizades a situación dende Esquerda Unida?
Toda a comarca de Vigo está nunha situación de emerxencia, dentro de pouco podémonos converter no que foi Ferrol nos anos oitenta. Iso pódelle soar catastrofista a moita xente, pero facendo unha análise polo miúdo, ves que antes había sectores que podían facer de colchón: cando nos oitenta fallaba o naval, moitos traballadores podían pasar aos servizos ou á construción. Agora estamos vivindo unha caída brutal da actividade industrial, que é a base do PIB da comarca, e non hai sectores alternativos. Nin sequera nos anos oitenta ou noventa, nos peores momentos de incremento do desemprego, nunca tivemos en Vigo unhas taxas de paro tan grandes.
"Isto só se amaña coa nacionalización dos estaleiros e a creación dun holding público de construción naval"
Que vai pasar co naval en Vigo?
Non se ve futuro no sector naval, e aínda por riba hai grupos económicos, os propietarios de Barreras, por exemplo, que levaron a empresa á ruína e que seguen tirando de plusvalía e se negan a vender as súas participacións, cando poderían venderllas ao Estado. Nos anos noventa privatizamos Barreras e unha das accionistas era unha sociedade financeira con sede nas Illas Caimán. Iso dáche unha idea de quen veu aquí mercar os estaleiros. A situación é terrible, dos dez mil traballadores que había en activo, agora quedan 1500. Sabiamos que ningún cambio de goberno ía solucionar o problema do sector naval, porque é un problema tan profundo que só se amañaría cunha reforma lexislativa profunda, cun cambio de modelo económico, a nacionalización dos estaleiros e a creación dun holding público de construción naval.
Como valorades as primeiras medidas adoptadas polo goberno do PP, en especial a reforma laboral?
Esta reforma laboral, que nós chamamos contrarreforma, vén afondar na política laboral do goberno socialista e que levou á folga do 29 de setembro. Baséase no abaratamento nos custes do despedimento pensando que iso se traduce na creación de emprego, cando sabemos que neste país, sen regular os beneficios empresariais, iso non vai redundar na creación de novos postos de traballo. Esta reforma afecta moi directamente a un instrumento que tiñamos os traballadores, que era a negociación colectiva, que nos permitía acadar convenios en situacións vantaxosas.
"CC.OO. e UGT van convocar unha folga xeral"
Comézase a falar da convocatoria dunha folga xeral. A CIG xa puxo enriba da mesa unha convocatoria a finais de marzo, e CC.OO. e UGT admiten que hai razóns, pero amósanse máis cautos. Que pensa Esquerda Unida de Vigo?
Nós reclamamos a folga laboral non coma un fin, senón coma un método. A folga xeral é o instrumento que queda contra ese tipo de agresións. Nós sabemos que CC.OO. e UGT van convocar unha folga xeral. Son sindicatos que miden moito os tempos, co obxectivo de mobilizar o maior número posible de traballadores. Pero dado que a política destes anos foi a de non mobilizar, unha folga pode ser un fracaso porque a clase obreira deste país non está preparada para este tipo de conflitividades. En Portugal fanse relativamente poucas folgas xerais, porque o que se prima é a mobilización constante nos centros de traballo, e a folga xeral gáñase con esa mobilización previa. Despois dunha reforma laboral desta magnitude, plantexar inmediatamente unha folga xera é abocala ao fracaso, e neste senso a convocatoria en solitario da CIG é lesiva para os traballadores. O que temos que facer os traballadores é presionar e obrigar a todos os sindicatos a que realicen unha convocatoria unitaria. Quizais o cálculo da CIG teña que ver coa perda de 700 delegados en Galicia nas últimas eleccións sindicais. Hai que evitar que os resultados das eleccións sindicais condicionen as mobilizacións.
A posición de CC.OO. e UGT foi criticada pola súa morneza...
Preocúpame, como afiliado a CC.OO., que o meu sindicato e UGT chegaran a acordos coa Xunta, cando todo o mundo sabe que eses acordos son papel mollado. Ese tipo de políticas desmobilizan a clase obreira. Agora mesmo os traballadores non están tensionados, pero estamos convencidos de que vai haber folga, comezando porque esta reforma mata a negociación colectiva, que foi un instrumento que durante anos lles deu forza aos sindicatos dentro das empresas. Ten que haber un calendario sostido para as mobilizacións e a folga, que se ten que marcar xa. Esa é a estratexia que se vén seguindo en Grecia ou Portugal. Parar os estaleiros é relativamente doado, pero se agora convocamos unha folga xeral sen ter capacidade para parar as pequenas empresas, será un fracaso. A folga ten que saír de cada empresa, non dos piquetes, e iso conséguese cun labor sindical de tensión dos delegados e dos traballadores. A folga convocada o ano pasado en solitario pola CIG foi un fracaso. Nós imos apoiar todas as mobilizacións convocadas por calquera sindicato, pero as folgas en falso son moi difíciles de levantar despois.
"Superamos ao BNG nos barrios obreiros, como Coia, Lavadores ou Teis"
Nas eleccións municipais EU quedou a uns poucos votos de acadar un concelleiro. A que se debeu o éxito e como está sendo o voso traballo fóra da corporación?
Non ter representación municipal limita a túa acción, sobre todo nun concello tan opaco coma o de Vigo, onde para saber algo tan sinxelo coma o que se está negociando nos orzamentos, tes que conseguir os documentos de estraperlo. Dende hai dous anos, cando chegamos á dirección local, asumimos que a estratexia era esta: construír a esquerda dende a base, dende os barrios. Estamos presentes en todos os conflitos, en permanente contacto con todos os colectivos sociais. Este traballo é duro pero gratificante, porque estamos recuperando o traballo que se perdeu nos anos oitenta, coa crise do PCG. E os resultados son moi satisfactorios, porque por exemplo superamos ao BNG nos barrios obreiros, como Coia, Lavadores ou Teis. Nós non temos un discurso interclasista e dirixímonos á clase traballadora.
Estades notando nas afiliacións e en presenza social ese aumento en votos?
Estase notando nun grande incremento nas afiliacións, que nos permite facer o traballo que caracteriza a EU, que é un movemento político-social; agora podemos traballar por áreas sectoriais, en colaboración con todo tipo de colectivos non partidarios, e así faise a política, de forma transversal. Iso foi o que sempre intentou EU, pero non eramos capaces polas sucesivas crises que tivemos, e a propia incapacidade que tiñamos de ocupar ese espazo da esquerda que nos últimos anos estaba monopolizado de forma férrea polo BNG, e agora a xente é moito máis receptiva ao discurso de Esquerda Unida.
"Imos estar atentos a todos os procesos unitarios da esquerda galega"
De que forma estades seguindo os procesos internos que se veñen dando no BNG nos últimos meses, en especial a saída de destacados militantes e cargos, e esta semana do propio Encontro Irmandiño?
Non nos gusta valorar os procesos internos doutros partidos. Creo que é positivo que as forzas políticas de esquerda teñan debates e catarses; tamén as houbo en Esquerda Unida. As experiencias de goberno do BNG non foron as que esperaban os seus votantes e xa hai máis dunha década aquí en Vigo tivemos un goberno do BNG que privatizou moitos servizos municipais. Nós pensamos que o papel definitorio da esquerda é a cuestión social; non se poden defender os intereses de Anfaco, da patronal conserveira, e á vez os da muller que traballa nunha conserveira. A min parecéronme interesantes algunhas reflexións que lles escoitei a algúns militantes do Bloque, que dicían que non había que discutir tanto por postos, senón que o que había que discutir era se o proxecto era o dunha esquerda plural ou se o proxecto era o dun nacionalismo no que podían entrar outras ideoloxías. É un problema que afecta ao BNG, pero que tamén afecta á esquerda social, porque o BNG ten moitos militantes que obviamente tamén traballan no tecido asociativo, e a súa situación actual pode debilitar este tecido asociativo galego. Imos estar atentos a todos os procesos unitarios da esquerda galega, pero dende unha definición clásica do que debe ser a esquerda organizada.
"O Parlamento galego gañaría en pluralidade e representaría mellor a sociedade galega"
Nos vindeiros meses haberá eleccións ao Parlamento galego. Para obter representación Esquerda Unida ten que superar unha barreira do 5% de voto, que así e todo rozou nas últimas eleccións xerais. Como afrontades esta nova convocatoria electoral, aínda no horizonte?
Somos conscientes de que a implantación de EU se concentraba en certos núcleos urbanos, cunha forte presenza obreira, como Ferrol, Vigo, Vilagarcía ou A Coruña, pero que tiñamos unha presenza moi feble noutros espazos, sobre todo no interior de Galicia. Ese é o traballo que estamos levando a cabo agora: chegar aos concellos nos que non conseguíamos ter implantación. O que nos parece lamentable é que un tope electoral que puxo Manuel Fraga, que pasou do 3% ao 5% foi mantido polo Bipartito, a pesar dos requerimentos que lles fixemos para que volvese ao 3%. Pensamos que o Parlamento galego gañaría en pluralidade e representaría mellor a sociedade galega, como sucedía hai anos, cando estaban presentes o PSG-EG ou EU, ou como sucede en Catalunya ou Euskadi, onde hai seis formacións no Parlamento. En Vigo hai sete mil cidadáns que non están representados porque obtivemos o 4,5% e non o 5%. Os nosos recursos económicos son poucos, deberíamos facer campañas electorais de custe cero, como estamos plantexando en Asturias: a xente xa coñece as nosas propostas e deberíamos limitarnos a facer debates públicos abertos. Non podemos competir coa maquinaria electoral dos tres grandes partidos e sobre todo coa forma con que algúns teñen mercados a algún medios de comunicación en Galicia. En Vigo, por exemplo, sufrimos o bloqueo sistemático dun medio de comunicación porque está inflado coas achegas económicas do Concello de Vigo. Pero é certo que afrontamos estas eleccións autonómicas, cando sexan, con máis tranquilidade e posibilidades ca nunca

No hay comentarios:

Publicar un comentario