lunes, 28 de marzo de 2011

ESQUERDA UNIDA REUNESE COA AAVV VALADARES

O pasado día 21 de Marzo de 2011 EU de Vigo mantivo unha reunión coa directiva da AAVV de Valadares no seu local sito na mencionada parroquia viguesa. Asistiron Rubén Pérez, candidato de EU ás próximas municipais, Eva Solla, nº2 da candidatura e Adrián Pinacho, responsable de comunicación de EU.

Rubén Pérez felicitou á AAVV polo seu local e xestión e expúsolle aos membros da directiva local de Valadares a postura de EU en importantes temas de índole local, destacando a Proposta para o debate sobre a descentralización municipal, punto que EU atopa necesario para asegurar un concello máis democrático e implicar aos veciños na súa construcción.

Falouse tamén das dificultades económicas que están a sufrir os concellos e que irán en aumento nos vindeiros meses. Por iso o candidato trasladou aos asistentes diversas propostas plantexadas no programa de EU, que contan xa con resultados noutras localidades. Coma por exemplo: a creación dunha empresa agrícola municipal, o aumento do IVI ás vivendas desocupadas (sen actividade nun período superior a dous anos), instar a que volten tributar as PYMES…

Por outra banda, Rubén Pérez tamén se referiu aos altos ingresos que perciben os concelleiros no momento de crise actual. Os membros da AAVV de Valadares expuxeron as súas dúbidas sobre algúns de estes items ao candidato e tamén o seu acordo nalgúns de eles, dando os seus diferentes puntos de vista.

Finalmente,EU Vigo emprazounos a seguir colaborando con propostas que poidan enriquecer a elaboración colectiva do programa electoral.

sábado, 26 de marzo de 2011

ESQUERDA UNIDA REUNIUSE COA AAVV DE CORUXO

O venres 25 de marzo unha comisión do consello local de EU Vigo reuniuse coa directiva da Asociación de Veciños de Coruxo. En dita reunión EU Vigo espuxo as liñas xerais do programa co que concorre ás vindeiras eleccións, e recolleu as inquedanzas e demandas dos dirixentes veciñais desta parroquia viguesa.

Entre as propostas da coalición Rubén Pérez Correa, cabeza de lista de EU nas municipais de 2011 destacou a posta en marcha dos orzamentos participativos (condición indispensable para que EU participe no goberno municipal de Vigo), a descentralización administrativa a través da constitución das xuntas de distrito, revertir o carácter privado dos servizos municipais de auga, transporte e lixo para que volten ser público,s a incorporación dun imposto sobre o beneficio empresarial, a suba do IBI para as vivendas desocupadas, e a creación unha rede de microdepuradoras para a cidade, en contraposición ao actual proxecto de macro-depuradora.

O conflito da macro-depuradora de Coruxo, na que Asociación de Veciños e EU Vigo coinciden na súa oposición ocupou boa parte da reunión; a coalición de esquerdas e a directiva veciñal analizaron o estado das medidas emprendidas para frear o proxecto, tanto no relativo aos recursos contencioso administrativos abertos polos veciños de Coruxo, como ás accións parlamentarias levadas a cabo por EU en Madrid e Bruxelas.

ESQUERDA UNIDA DE VIGO TRASLADA A FOAMPAS AS SÚAS PROPOSTAS EN MATERIA EDUCATIVA

O pasado xoves, 24 de marzo, tivo lugar na sede de FOANPAS Vigo unha reunión da Área de Educación de EU Vigo con Mónica Touza (presidenta de FOANPAS Vigo), Vertila Fernández (vogal colaboradora) e Luz Méndez (traballadora social).

A dirección de FOANPAS espuxo a EU a súa reivindicación de que sexa a Xunta a través da Consellería de Educación a que xestione os comedores escolares, xestión que na actualidade recae na Federación de ANPAS e da da ANPA de cada un dos centros.


En calquer caso, e mestras sexa FOANPAS a que continúe xestionando os comedores, a federación solicita do concello que se estableza por parte das Concellalías de Benestar Social e Educación un protocolo para os centros do concello na prioridade de admisión do alumnado nos comedores.


En relación ás condicións espaciais dos comedores, Mónica Touza estimou que un 80% dos comedores nos centros escolares de Vigo presentan necesidades de remodelación.
Así mesmo FOANPAS Vigo expresou a súa preocupación pola atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, eido no que están atraballar constituíndo unha comisión para o asesoramento ás falmilias. A demandas de FOANPA neste eido céntranse ademáis de nunha mayor cantidade de recursos para a atención destes alumnos dentro e fora do horario lectivo, nunha mayor coordinación entre Educación e Sanidade.


Mari Carmen López e Roi Rodríguez, responsables da Área de Educación de EU Vigo sinalaron a coincidencia con FOANPAS en relación á asunción por parte da xunta da xestión dos comedores escolares, cuestión que figuraba no programa da coalición nas últimas eleccións autonómicas.
En coherencia coa postura defendida por EU na localidade durante os últimos meses criticaron que o goberno municipal destinou o groso dos recursos aportados polo Plan E a obras relacionadas co embelecemento da cidade, en vez de destinalo a gasto social, como podería ter sido a creación dun centro de inclusión social municipal en condicións, ou o un investimento a fondo na mellora dos comedores escolares do municipio.


Por último, e en relación á atención aos alumnos con dificultades educativas especiais, EU Vigo considera que a mellora desta é incompatible coas políticas neoliberáis que tanto Xunta coma goberno central promulgan como saída á crise (isto é o adelgazamenteo dos recursos destinados ao mantemento dos servizos públicos), e reivindicaron a proposta de EU de dar unha saída social á crise a través da priorización do emprego e do sector público, que se financiaría a través da loita contra o fraude fiscal e a aplicación dunha fiscalidade progresiva.

ACTO PUBLICO RAZÓNS PARA A ABOLICIÓN DA PROSTITUCIÓN

Onte, día 16 de marzo de 2011 tivo lugar na Galería Sargadelos o Acto Público de Esquerda Unida “Razóns para a abolición da prostitución” no que participou Eva Solla Fernández, nº2 na candidatura de EU ao Concello de Vigo e interviron coma invitadas Carmen Lago, presidenta da Asociación Faraxa e Nieves Turienzo, presidenta de Médicos del Mundo en Vigo.

No acto, as invitadas espuxeron as súas opinións sobre o problema da prostitución , poñendo en valor a súa experiencia dado o traballo que realizan nas súas organizacións, destacando que as verdadeiras víctimas de este negocio son as mulleres prostituídas.



Así mesmo, Eva Solla explicou que Esquerda Unida mantén que a prostitución debe ser abolida e así se recolle por primeira vez nos programas de EU. Punto no que tanto Carmen Lago coma Nieves Turienzo coincidiron claramente.



Os asistentes poideron visionar un vídeo aportado por Faraxa .Incluía unha reportaxe sobre a trata de blancas que ilustraba perfectamente o drama das persoas traficadas e as mafias que se ocultan detrás do negocio.



Concluiuse finalmente que existe a necesidade de educar á sociedade para facer conscientes a homes e mulleres da gravedade dun problema que nos implica a todos.

ESQUERDA UNIDA MANTERÁ XUNTANZAS CON MÁIS DE 100 COLECTIVOS E MOVEMENTOS SOCIAIS DA NOSA CIDADE


O coordenador local de EU e candidato á alcaldía de Vigo, Rubén Pérez comenzou xa as xuntanzas con movementos sociais da cidade de Vigo como compromiso real e transparente de EU de ser motor dunha verdadeira participación cidadá e de ser un movemento político e social e non un partido clásico, como así é estatutariamente ESQUERDA UNIDA. Rubén Pérez calificou de “extraordinaria” a aceptación e receptividade dos colectivos e movementos sociais ás propostas de EU.

O longo de dous meses ESQUERDA UNIDA manterá xuntanzas con colectivos de defensa do medio ambente, asociacións de veciños, asociacións deportivas, organizacións sindicais, etc... representativas do inmenso tecido asociativo da cidade e que prácticamente non está representado nos regulamentos de participación cidadá reais.

ESQUERDA UNIDA trasladará dúas propostas forza:

- XENERALIZACIÓN DA DEMOCRACIA PARTICIPATIVA NA CIDADE; especialmente a través dos orzamentos participativos que xa funcionan en cidades como Sevilla ou Ferrol

-NOVO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ que fomente o emprego do REFERENDO VINCULANTE para temas trascendentais para o concello como o PXOM ou as infraestructuras de gran impacto (roldas, depuradoras, etc...)

Igualmente trasladará a cada colectivo as propostas sectoriais de ESQUERDA UNIDA porque, según Rubén Pérez “Esquerda Unida ten vocación e capacidade de goberno, e un goberno ten que dar propostas e alternativas a tódolos sectores sociais e problemas que xurden nunha cidade dinámica e activa como o é Vigo”

martes, 15 de marzo de 2011

PROPOSTA PROGRAMÁTICA: MOTOCICLETAS E INFRAESTRUCTURAS


PROPOSTAS DE ESQUERDA UNIDA EN VIGO:
EN MATERIA DE CIRCULACIÓN E INFRAESTRUCTURAS MUNICIPAIS PARA MOTOCICLETAS

ESQUERDA UNIDA no concello defenderá as demandas de “Unidade Moteira” expresadas por esta organización a IU en marzo de 2008, co fin de reducir de verdade a accidentalidade e as vítimas de maneira inmediata.

1. Campaña real de mellora das infraestruturas de motoristas (vía PXOM e melloras viais)


2. Reducción do tempo de atención a accidentados mediante un plan municipal integral


3. Reducción do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) que grava os equipos de protección de motociclistas.


4. Difusión inmediata de campañas de concienciación e coñecemento acerca das especiais características das motocicletas no tráfico (especialmente para conductores de automóviles e camións de reparto).


5. Unidade didáctica impulsada polo concello para ensino de educación viaria dentro da materia Educación para a Cidadanía.


6. Recubrir en toda a cidade a protección das biondas ou guardarrailes de aceiro con burbullas de poliespán para minimizar as consecuencias dos accidentes que sofren os motoristas.

Especialmente preocupante para ESQUERDA UNIDA é a situación no rural vigués en canto a firmes das estradas e quitamedos. O PLAN E e o PLAN 2010 fóron inútilmente empregados en peatonalizacións e humanizacións esquecendo as necesidades viarias do rural. Urxe erradicar os quitamedos en parroquias con vías frecuentadas por motoristas e ciclistas especialmente os fins de semana como Valadares (carreteira), Beade (dende o Centro Cultural a Bembribe), Zamáns (ate o alto de San Cosme), Lavadores (toda a estrada), Candeán (estrada ao aeroporto) e sustituílos por QUITAMEDOS DE MADEIRA que incluso teñen un impacto visual menor no entorno rural. Esta medida xa está implantada en cidades como Zaragoza, Xixón, Barcelona, Bilbao ou Sevilla.

Igualmente ESQUERDA UNIDA comprométese a:

1. Erradicar os resaltos e badenes que non cumplan a normativa en canto a desniveis. (Orden FOM 3053/2008)

2. Revisión de recheos de baches e restos de obras en vía pública que poden supor un perigo na seguridade dos vehículos de 2 rodas (acometidas de canalizacións, rede sanitaria, fibra óptica... deficientemente tapadas).

3. Aumento dos aparcadoiros para motocicletas.

lunes, 7 de marzo de 2011

PROPOSTA PARA O DEBATE PROGRAMÁTICO:


Dentro do proceso de elaboración colectiva da proposta programática de ESQUERDA UNIDA de Vigo, hoxe empezamos unha interesante rolda de xuntanzas con colectivos memorialistas e republicanos da nosa cidade. A primeira xuntanza será esta tarde coa activa ASOCIACION VIGUESA POLA MEMORIA DO 36, exemplo de traballo constante e conscente pola memoria histórica e a defensa dos valores republicanos dende fai moitos anos. Esta é a proposta programática de ESQUERDA UNIDA que queremos trasladarlles e que deixo aquí para que todos poidades aportar ideas. Para construir memeoria e República entre todos e todas.



MEMORIA HISTORICA E REPUBLICANISMO TAMÉN DENDE O MUNICIPALISMO DE ESQUERDAS.


1. A memoria histórica e a vindicación dos valores republicanos non é para ESQUERDA UNIDA un feito nostálxico, unha actividade cultural ou un capítulo histórico, é parte indispensable da rexeneración democrática do noso país que quedou aparcada polo pacto da chamada transición democrática. Hoxe, xa ninguén é deudor desa etapa política polo tanto falar de República, de exilio, de represaliados é falar de democracia e de restauración de dereitos civis e humanos.

2. Quedan aínda miles de familias con familiares desaparecidos, miles de represaliados aínda vivos, de persoas con vidas alteradas polo exilio, etc... polo tanto non é un feito histórico ou pretérito, é un feito actual e cercano a todos nós. Recentemente o concello de Vigo pedia ós familiares do dirixente comunista vigués Francisco Barreiro Barciela, fusilado en 1941 nun dos procesos militares máis coñecidos do franquismo, o proceso “Larrañaga e Dieguez”, que demostraran a defunción deste home para solventar a titularidade de nichos no cemiterio de Pereiró, o que amosa como se ocultou e borrou a nivel municipal a represión sobre os conveciños.

3. Non se teñen dado pasos para equiparar ós presos políticos do tardo-franquismo cos da postguerra inmediata a contenda. O caso do vigués Baena a dos represaliados no 72 en Vigo e Ferrol é evidente. ESQUERDA UNIDA ten presentado durante o goberno bipartito unha proposición de lei no PARLAMENTO GALEGO para elo sen obter máis que boas palabras por parte do entón presidente Touriño (militante comunista na clandestinidade) e do conselleiro de presidencia.

4. Como todo feito histórico a guerra civil e a represión inmediata ten unha dimensión local, nos últimos anos os historiadores contemporáneos teñen feito un énfase na historia local como focalización rápida dos contextos históricos máis xerais. EU quere ir máis aló, pretendemos que as accións lexislativas orientadas á restitución democrática dos loitadores antifranquistas teña unha dimensión municipal, convertendo ós concellos en promotores de actividades de reivindicación da memoria histórica, de axuda e asesoramento á familiares e represalidos, vindicando nas actividades institucionais e culturais a memoria da dignidade republicana. É unha realidade que Vigo ten sido nos últimos años, sobre todo co mandato da dereita pero singularmente baixo o mandato de Abel Caballero, un concello anmésico, volcado en borrar a memoria republicana da nosa cidade.

POR ESTOS MOTIVOS ESQUERDA UNIDA DEFENDERÁ AS SEGUINTES POLÍTICAS NO CONCELLO DE VIGO:


5. MEMORIA HISTÓRICA


5.1 A condena ao réxime franquista explicita no concello como así se ten feito en centos de corporacións municipais a través de mocións.

5.2 Cumprimento municipal da Lei 57/2007 de 26 de decembro pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas a favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, coñecida popularmente como Lei da Memoria. Especialmente no tocante o seu artigo 15, sobre símbolos e edificios públicos, dando fin a toda a simboloxía franquista na nosa cidade (especialmente a Cruz do Castro)

5.3 Pedí-la nulidade radical de todos os procesamentos, sentenzas, condenas e/ou sancións de cidadáns vigueses polos motivos contemplados no artigo 2.2 da Lei de memoria histórica do goberno español.

5.4 Seguemento e continuidade pública e institucional de todo o proceso da recuperación da memoria histórica, así como divulgación dos traballos respecto diso nos ámbitos veciñais, redes culturais, museos da cidade, etc...

5.5 Creación de directrices urbanísticas e medioambientais para a adecuada preservación, conservación, mantemento e divulgación de todos aqueles paraxes, lugares e establecementos relacionados coa o Guerra Civil, a represión franquista e a loita antifranquista. MARCO, ANTIGO FRONTÓN DE VIGO, CASTELO DO CASTRO, PRAIA DE CANIDO, etc...

5.6 Determinación na Lei da obrigación administrativa a todos os niveis na intervención pública e institucional nos labores de localización, identificación das fosas ou enterramentos das vítimas do franquismo, e no seu caso exhumación, así como a divulgación dos resultados. Elaboración dun protocolo de actuación científica multidisciplinar que asegure a adecuada intervención nas exhumaciones aos adecuados efectos forenses, historiográficos e xudiciais para garantir a adecuada constatación e divulgación dos feitos.

5.7 Establecer a obligatoriedade para a administración local de retirar mencións ou signos de exaltación da ditadura franquista ou de persoas vinculadas á mesma de todos os ámbitos públicos do seu titularidade como monumentos, rúas, prazas, edificios, etc.

5.8 Instar ás institucións privadas, especialmente a aquelas que perciban fondos ou subvencións municipais, ao establecido no párrafo anterior en bens ou ámbitos da súa titularidade.

5.9 Acceso a tódolos arquivos municipais ás familias que queiran coñecer a verdade da represión sobre os seus familiares.

5.10 Recoñecemento do dereito de entidades sociais e culturais e de persoas físicas, ou no seu caso dos seus herdeiros, á restitución ou indemnización de bens incautados, durante a guerra ou a ditadura, polo réxime franquista. PARTIDOS POLITICOS, ASOCIACIÓNS AGRARIAS, LÚDICAS.

5.11 Creación dunha REDE LOCAL DE MEMORIA HISTÓRICA que artelle nos barrios a redacción de actividades

5.12 Revisión de distincións, nomeamentos e títulos honoríficos otorgados pola corporación municipal durante a ditadura. Por parte do concello procederase a revisar e invalidar todas as distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e demais formas de exaltación de personaxes ligados ao réxime fraquista, procedéndose a realizar as dilixencias oportunas que o certifiquen, así como á retirada de placas e todo tipo de referencias ás concesión de devanditas distincións.



6. REPUBLICANISMO

6.1 Incorporación do Concello de Vigo á REDE DE CONCELLOS POLA III REPÚBLICA.

6.2 Adopción dos valores republicanos: solidariedade, fraternidade e igualdade a todo o conxunto de propostas programáticas e políticas de ESQUERDA UNIDA en Vigo.

6.3 Institucionalización do 14 de abril como DIA DA REPUBLICA e do 18 de xullo como día de lembranza do xenocidio fascista.

6.4 Coherentemente cos valores democráticos da Repúblican defendemos a potenciación do público, desde un funcionamento eficiente e eficaz como única garantía de redistribución e satisfacción real da renda e os dereitos sociais da maioría da cidadanía. EU orientará a súa actuación preferente cara á xestión directa e dentro desta, a elección de cada modalidade axustarase á natureza e o tipo de actividade e servizos. En todo caso EU expón como elemento diferencial a xestión participativa.

6.5 Racionalización e laicización da vida intelectual, moral... separación entre Igrexa e estado tamén nos ámbitos locais.

6.6 Aumento do peso específico dos concellos na estructura do estado (descentralización).

6.7 Democracia participativa nos concellos. Orzamentos participativos.

6.8 Valorización da herdanza cultural e artística da II República no desenvolvemento cultural e lúdico do Concello de Vigo.

viernes, 4 de marzo de 2011

DE COMO FUMOS “AXUNTAMENTO” DE VIGO E DE CÓMO SOMOS ALCALDÍA

algúns dos membros da 1º corporación municipal
En 1979, tralas primeiras eleccións municipais, centos de concellos do estado español quedaron gobernados por unha parte sustancial da esquerda política despois de un gran acordo entre o PARTIDO COMUNISTA DE ESPAÑA e o PSOE, sumando as dúas forzas o 40,5% dos votos e un total de 15828 concelleiros. Un acordo que constataba en aquel momento a importancia deste “compromiso histórico” para deseñar dende casi o cero un armazón institucional democrático para os entes locais do estado español.

Os concellos saían de 40 anos de corporativismo franquista, de emprego cuasi-paternalista dos recursos, de institucionalización do caciquismo e de vicios propios da falla de democracia política e polo tanto institucional. O novo marco político esixía dos concelleiros saídos da vontade popular moita imaxinación, compromiso e asunción de que realizarían o seu traballo nun contexto de ausencia de recursos e financiación axeitada para os proxectos futuros.

En Vigo PSOE, Partido Comunista e Unidade Galega acordan un goberno repartindo entre estas forzas políticas a responsabilidade de diferentes áreas existentes e outras de nova creación. Foron tempos duros, de crise industrial, de carestía da vida dos vigueses e viguesas, aderezado todo cun golpe de estado, da incipiente reconversión, do todo por facer.... Pero fronte as adversidades, os problemas e as desavenencias políticas para a historia colectiva dos vigueses e viguesas quedará esa profunda capacidade integradora de todos, de chegar a acordos e de constituir unha idea homoxénea de corporación municipal que actuaba baixo un mismo nome CONCELLO (as veces por falla de recorrido normativo do galego AXUNTAMENTO) DE VIGO.

Vinte anos despois o escenario político do noso concello teríase modificado sustancialmente. O PCG coas súas crises a súa merma electoral xa non estaba na corporación e ESQUERDA UNIDA aínda era un proxecto en xerminación; o PSOE abandonara o marxismo tralo intento de Felipe González no XVIII congreso e a puntilla do Congreso Extraordinario posterior dando vía libre ao posibilismo político e aparecía con forza un BNG aínda cun marchamo de esquerdas notable. Reeditáronse entón pactos de esquerda entre o PSOE e o BNG, pactos que voltaron a ser artellados en 2003 e en 2007 con resultados dispares.

Pero xa entón, e queda “per secula” nas hemerotecas e nos propios acordos escritos, os pactos de esquerda xa non enfatizaban os contidos políticos, as necesidades de desenvolvemento do municipalismo progresista; xa empezaba o baile sen orquestra de reparto de concellalías e a independencia e autosuficiencia de cada unha, “para non perder perfíl propio” decía o propio consello nacional do BNG, e polo tanto consideraban que tiñan que dotar concellalías de imaxe corporativa propia. Entón apareceron os logotipos propios, donde figuraba en grande a denominación da concellalía e en pequeño o nome da institución.

A guerra entón empezouse a librar a “tumba aberta”, baile de logotipos, voltar a rotular o parque móbil dos concellos “bipartizados”, as partidas orzamentarias en materia de auto-publicidade (antes casi inexistentes) a medrar paralelamente as pelexas entre socios de gobernos por supostas “intromisións” en áreas-parcerías de cada un.

O estadio superior deste despropósito, o cal tería que ter sido abordado xa estatalmente mediante unha lei parlamentaria de imaxe corporativa institucional que impedira as entidades locais, por decencia e por aforro, empregar outro nome ou simboloxía que non sexa o nome do concello e o seu correspondente logo, chega da man dun as do populismo que erradica o nome de Concello.

Hai despropósitos que non custan cartos ao erario público en tempos nos que as familias da nosa cidade fan malabarismos para chegar a fin de mes. Pero hainos, como este, que sangran as arcas públicas, que vampirizan recursos en forma de coxíns, axendas, bancos, carteis e merchandising inusitado insulta a intelixencia e a decencia política. Recuperar hoxe en día o sentido institucional e a coherencia política daquelas dúas primeiras lexislaturas municipais sería un bo comenzo.
Rubén Pérez
Coordenador local de ESQUERDA UNIDA en VIGO e membro do Comité Federal do PCE

miércoles, 2 de marzo de 2011

ESQUERDA UNIDA TRASLADA O SEU PESAR A FAMILIA DE ENRIQUE CURIEL


O coordenador local de EU e candidato á alcaldía de Vigo, Rubén Pérez, traslada a familia do ex –vicesecretario de PCE e exdeputado de IU por Córdoba, o vigués Enrique Curiel falecido hoxe en Madrid.


ESQUERDA UNIDA considera que vinte anos de militancia comunista e un profundo compromiso cos valores de esquerda son máis que suficientes para que todos homes e mulleres de EU recorden cariñosamente a figura de Curiel independentemente do recorrido político posterior de cada un.

Rubén Pérez suliña a importancia dos valores ideolóxicos nas decisións políticas de personas como Curiel, defensoras nun momento concreto dunha idea de comunismo, naquel entón chamado eurocomunismo; e que fóron as que o moveron a abandonar IU e o PCE; non como outros tristes exemplos de motivacións exclusivamente económicas ou de poder. Curiel defendeu sempre a súa idea particular de comunismo polo que entendemos perfectamente que como última vontade solicitara que o seu cadaleito sexa cuberto pola bandeira do PARTIDO COMUNISTA DE ESPAÑA, partido ao que serviu lealmente e co optimismo gramsciano que hoxe non abunda na clase política.

Rubén Pérez traslada en nome de todos os homes e mulleres de ESQUERDA UNIDA un abrazo caluroso a toda a familia de Enrique Curiel

martes, 1 de marzo de 2011

ESQUERDA UNIDA ANTE O IMPAGO DE NÓMINAS AOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DE POVISA

ESQUERDA UNIDA CONSIDERA LAMENTABLE A ACTITUDE DA DIRECCIÓN DE POVISA E DO SERGAS AO EMPREGAR A 1500 TRABALLADORES COMO ARMA ARROXADIZA NOS DESACORDOS POLOS CUSTES DO CONCERTO.

O coordenador local de EU e candidato á alcaldía de Vigo, Rubén Pérez, recordalle á conselleria que en novembro de 2010 enviolle unha carta a alcaldía de Vigo retificando a existencia dunha partida orzamentaria suficiente nos presupostos da Xunta de Galicia para o ano 2010, para cubrir os costes do concerto con Povisa. Igualmente na misiva, a conselleira de Sanidade indicaba que non existía xustificación para a presentación de ningún ERE por parte de Povisa fundamentada no concerto co Servizo Galego de Saúde, xa que estaba garantida legalmente a continuidade da relación contractual.


ESQUERDA UNIDA considera lamentable que centos de postos de traballo estén a expensas de peleas entre direccións de Sergas e de Povisa e pide que se realmente a Consellería de Sanidade aposta pola sostenibilidade do emprego, como ela mesmo indicou “sobre todo no ámbito sanitario”, e se realmente valora “a estabilidade das empresas do contorno sanitario que complementan a actividade asistencial pública, como é o caso de Povisa”, solucione de inmediato a situación do cobro das nóminas da plantilla do centro.


Igualmente Rubén Pérez reclamou a creación dunha comisión paritaria (Xunta, dirección de POVISA, representantes dos traballadores e Concellos da área sanitaria que abrangue o centro) para ir perfilando tanto a renovación definitiva do concerto como a situación futurible da plantilla ante o novo hospital público a construir en Vigo. Dita comisión ten que abordar xa que pasará no futuro coa plantilla de Povisa e os mecanismos para consolidala no novo centro público.