miércoles, 10 de febrero de 2010

Para ser un vigués de primeira........ (Caixanova contada para nenos e cidadáns desinformados)

Na miña época había dúas cousas que tenias que facer nada máis nacer para obter o visado de bo vigués: ir a Portugal cos teus pais a facer unha boa provisión de toallas e albornoces; escondido porque os nenos pagabamos aduana (aínda hoxe en día pregúntome porqué) e abrir unha conta na Caixa de Aforros de Vigo ao nacer. O cal dábache dereito a un cerdito-hucha con follas de trevo verde que lucia xenial nos aparadores familiares.

Logo esa caixa que a todos os nenos parecíanos como un ente de bondade que por nacer dábanos diñeiro (entón non sabiamos que eran os nosos pais ou avós), fagocitó a outras caixas en Orense e Pontevedra e de tamaña dixestión orixinouse un novo ser que deron en chamar Caixanova.

E en moitas cidades de España paso o mesmo, e das Caixas de Aforros municipais deuse paso a unhas CAIXAS (así como maiúsculas e negrita) que xa eran a ostia pai, competían coa Banca, facían aos partidos políticos pelexarse por cadeiras de brazos e encandeaban a obreiros asalariados no marabilloso mundo dos préstamos de calquera ralea: hipotecarios, persoais, de consumo, para vacacións, para a comuñón da nena,....

E claro, os Bancos empezaron a ver que a xente tiña moito máis agarimo ás caixas (porque todos os nenos tiñamos contas desde que saïamos da placenta) e que había moito diñeiro nas súas caixas fortes. E dixéronlle alá polo ano 2000 a un presidente baixiño e de bigote que había que acabar co sistema semi-público de caixas, que ou xogabamos todos igual (eles e as caixas) ou rompían o xoguete.

Pero claro, o señor baixiño non puido cargarse as caixas porque todos os nenos chorariamos desconsolados ao ver que as nosas cándidas contas de aforro infantís levaríanllas os malos de chapeu alto e puro que chamaban banqueiros. E o que fixo, o e outros moitos en concellos e autonomías, foi converter ás caixas no mesmo que os bancos pero con cara máis amable. Que se obra social en forma de bailes da terceira idade, que se diñeiro para as festas parroquiais....

E entón as Caixas dixeron, pois xa que somos como bancos e encima temos o agarimo de nenos e pais, imos meternos de cheo no negocio bancario (que desde os tempos en que Xesucristo se foi ao templo a acordarse da nai dos mercadores é prestar con usura) e empezaron a meter os ahorritos de obreiros, xubilados e nenos nunha cousa que nace da terra pero que, convenientemente modelado e cocido chámase LADRILLO. E claro, por cada ladrillo saían miles de reais, orixinarios todos dos salarios e pensións deses mesmos obreiros e xubilados pero convenientemente convertidos nunha nova forma de ?traballar para o faraón? chamada HIPOTECA.

Pero claro, os banqueiros tamén facían isto en todo o mundo (non só cos ladrillos senón cos paquetes accionariais e o petróleo) foise xerando unha marimorena que veu estalarnos a todos na cara en forma de crise do leite.

E banqueiros, caixeiros, obreiros, xubilados e nenos impositores vímonos metidos nun balbordo monumental. Os Bancos e as Caixas resultaba que por encantamento xa non tiñan ese diñeiro que que depositaramos porque os señores do ladrillo leváronllo para facer casas que agora non podiamos comprar porque nos quedabamos no paro, e resultado diso era que non podían devolver ese diñeiro ás caixas e bancos

Vaia lea eh?

Pois resulta que con todo isto descóbrese que sobran caixas e bancos, algúns din que hai que fusionarse, disolverse, aparearse ou disfrazarse no entroido máxico das finanzas. Os nenos tremen porque non saben que pasará cos seus cartillitas e aqueles gloriosos cerditos con follas de trevo que nos regalaba a caixa de aforros

E vai e un alcalde vigués e moita xente asustada, sae onte á rúa para defender a esa CAIXANOVA que se meteu no lodo do ladrillo e a maxia das finanzas como as súas 42 caixas amiguitas de toda España. E saen porque ven ese neno chorando que somos todos os vigueses de primeira, pola súa CAIXA DE AFORROS no canto desa CAIXANOVA que se pega unha mariscada co pocero, dálle 90 millóns de euros e o señor devólvelle moitas casiñas a medio terminar nun páramo toledano

Menos mal que nos queda Portugal¡¡¡¡¡ todos a por toallas


Rubén Pérez
Coordinador de ESQUERDA UNIDA en Vigo
e glorioso titular dunha conta e un cerdito con follas de trevo verde da Caixa de Aforros desde 1977

No hay comentarios:

Publicar un comentario