lunes, 5 de diciembre de 2016

MAREA DE VIGO E OS SEUS CARGOS INSTITUCIONAIS NON ASISTEN ESTE ANO AOS ACTOS DE CELEBRACIÓN DO ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA DE 1978

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, de acordo co seu código ético, principios, e coherencia ideolóxica, non participa do que considera unha “farsa”, por celebrar unha Constitución que non se cumpre en todos aqueles dereitos que aos poderes fácticos non lles interesa garantir. 


Unha Constitución que especifica que “todo o pobo ten dereito a unha vivenda digna e adecuada” no seu artigo 34, que declara no seu artigo 24 que “todas as persoas teñen dereito a obter a tutela efectiva de xuíces e tribunais”; que especifica no seu artigo 14 “que todos os cidadáns somos iguais ante a lei” e ao mesmo tempo se indulta a corruptos; que no seu artigo 3 garante o uso e o ensino das diferentes linguas do estado mentres o goberno central, decreto a decreto, degrádaas cada vez máis e dálles status de dialecto rexional. E, que afirma no seu artigo 128 que “toda a riqueza do país está subordinada ao interese xeral” mentres aumentan os beneficios das grandes empresas e recortan en dereitos básicos, como educación ou sanidade, á maioría social.

A Marea de Vigo, dentro da súa pluralidade ideolóxica dentro da esquerda, posúe unha noción da Democracia non só como concepto senón como práctica á hora de que a cidadanía poida escoller, non só nun proceso electoral os seus representantes cada catro anos, senón, por exemplo, o modo no que se gastan os seus cartos, ou as prioridades á hora de levar a cabo as leis que van rexer as súas vidas. Ou mesmo o simple feito de levalas a cabo ou non.

Por tanto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo, non asistiu hoxe aos actos conmemorativos polo día da Constitución, tal e como llo expresou aos entes que os convocaron, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra e o propio Concello de Vigo.

RUBÉN PÉREZ NO DEBATE DE VOCEIROS DO PLENO DE LOCALIA VIGO




MAREA DE VIGO LEMBRA O PROGRAMA DE SEREOS CO GALLO DO DÍA MUNDIAL DA LOITA CONTRA A SIDA MAÑÁ 1 DE DECEMBRO.

Marga L. Barreiro, concelleira do GM da Marea de Vigo, afirma que “esperamos que ao abeiro da adhesión da Declaración de París no pasado Pleno, neste Concello se retome o que xa tivemos , no que un día fomos pioneiros/as e o que o Grupo de Goberno da Cidade se permitiu pechar.”
No pasado pleno do día 28, a corporación municipal, a raíz dunha moción do PsdG-PSOE, fixo unha Declaración Institucional na que Vigo se adhería á “Declaración de París por unha acción acelerada nas cidades e poñer fin así a epidemia da SIDA para o 2030”, Declaración coa que, evidentemente, a Marea de Vigo está totalmente de acordo.
Mais a Marea de Vigo considera que estas declaracións de intencións non son suficientes se todo queda no papel e a vontade de facelas reais non se leva á práctica, xa que, precisamente o compromiso que se inclúe na Declaración de París, xa se viña facendo neste Concello a través do programa “Sereos do Casco Vello”, pioneiro no seu día neste tipo de programas, e finalmente pechado polo Goberno do PsdG-PSOE.
Marga L. Barreiro, Concelleira da Marea de Vigo, lembra que “o programa de Sereos contaba con profesionais e voluntarias/os, centradas e centrados nas persoas que padecían patoloxías adictivas, SIDA, enfermidades mentais…circunstancias que as convertían en vítimas do rexeitamento social, estigmatización e aprofobia. E todas elas nun encontro de pobreza crónica ou sobrevida onde non podían cubrir as necesidades básicas. Contaba con 633 usuarios e daba almorzo e merenda diariamente a 445 persoas, ademais das intervencións grupais, que viñan sendo unhas 280. No que se recolleron e se entregaron ao redor de 21.000 xiringas (14.000 percibidas e 17.000 entregadas), e se repartiron de maneira informada o redor de 22.000 preservativos.”
Segundo relata a memoria do Programa, “estas accións atrasaron o proceso prematuro cara á morte, salvaron vidas, reduciron conflitos e tensións, melloraron a calidade de vida da poboación diana, aumentou a adherencia aos distintos tratamentos, as importantes derivacións ás redes sociais de asistencia públicas, e chegamos a sentirnos importantes e mesmo orgullosos/as de pertencer a esa poboación oculta e ocultada, compartindo ese espazo de encontro entre profesionais, usuarios/as, familiares e voluntarios/as”.
Isto foron 16 anos de axuda real e efectiva, e, sendo certo que a situación da rúa non é idéntica a da aquela altura, as dificultades da xente marxinada e excluída nesta cidade segue a ser moi dura e as administracións deben facerse cargo de resolver estas desigualdades e deben escoitar as voces que tantas veces se elevan pedindo unha solución. Vemos case a diario concentracións, manifestacións, e incluso acampadas como a que mesmo se fixo na “Farola de Urzaiz” no Dia Internacional das persoas sen teito por parte de Colectivos Sociais (RSP e Os Ninguéns), curiosamente coincidindo coa adhesión deste Concello a devandita Declaración de París.

VALORACION PLENO DO 28 DE NOVEMBRO DE 2016